Presentación de Eidolocal
Que é?
O amplo programa de modernización e reforma da Administración pública galega, coa intención de achegar os servizos á cidadanía, cristalizou tamén cara á Administración local e este proceso instrumentouse mediante a formalización, o 15 de febreiro de 1996, dun convenio de colaboración subscrito pola Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios (Fegamp), para a implantación e desenvolvemento dos servizos informáticos e de telecomunicacións nos concellos. Así mesmo, o 17 de setembro de 2001 asinouse unha addenda ao citado convenio coa intención de ampliar a dimensión do proxecto inicial de tecnificación dos medios operativos da Administración a través da implantación dun portal que intensificase a comunicación e tramitación de servizos vía internet entre as entidades locais e a Xunta de Galicia (Eidolocal).
O 13 de xullo de 2010 asinase un novo convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para o desenvolvemento da administración electrónica nas entidades locais da comunidade autónoma de Galicia que ten por obxeto o impulso e desenvolvemento da Administración electrónica nas EELL de Galicia, coa finalidade de lles garantir ós cidadáns o acceso electrónico ós servizos públicos mediante a implantación de procedementos, plataformas e redes de comunicación que posibiliten a súa interacción con calquera Administración pública. Este novo convenio contempla todos os servizos recollidos no anterior convenio (acceso á Rede corporativa da Xunta, oficinas de Portelo Único e portal Eidolocal) e os amplia cun novo catálogo de servizos adicionais dinámico (acceso a PCG e Rexistro Xeral de Contratistas, servizos da Interoperabilidade, etc)
Por todo isto, pódese dicir que Eidolocal é un portal que a Xunta de Galicia pon ao servizo das entidades locais para que estas poidan darlle información á cidadanía (zona pública do Eidolocal) e que, ao mesmo tempo, sirva de vía de comunicación-interacción permanente a través da rede entre todas as entidades locais e a Administración autonómica (zona privada de Eidolocal).
Finalidade
As administracións públicas teñen a obriga de atender a cidadanía e as empresas ofrecéndolles os servizos que requiren do xeito máis adecuado e accesible. O uso das tecnoloxías da información e das comunicacións, combinado cos cambios organizativos e a mellora dos procesos, así como o desenvolvemento de novas habilidades nas administracións públicas constitúen unha base fundamental para ofertar servizos públicos de maior calidade.
A Xunta de Galicia pon á disposición, na Internet, Eidolocal, e pretende deste xeito, servir de canle de relación, permanente e inmediata, entre as entidades locais, a Xunta de Galicia e os propios cidadáns, axilizando os procedementos e difundindo todas aquelas materias que resulten de interese para o eido local. Ademais, contribuirá a impulsar a aplicación das novas tecnoloxías e a eAdministrción, precisamente, no escenario onde este impulso será máis efectivo.
Liñas de actuación e servizos
Eidolocal engloba opcións que facilitan as actividades administrativas dunha unidade de rexistro e dunha oficina de información cara á cidadanía, ademais de intensificar e axilizar a comunicación e tramitación de servizos a través da rede entre as entidades locais e a Xunta de Galicia, incluíndo entre outros:
-
Rexistro de entradas/saídas : opción que permite rexistrar toda a documentación dirixida a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia cos efectos previstos no artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e que, pola súa vez, pode ser utilizado polo propio concello para xestionar a súa propia documentación.
-
Guía de procedementos administrativos: descrición, requirimentos, información detallada e instancias normalizadas de máis de 2.100 procedementos administrativos informatizados da Xunta que poden ser iniciados a instancia de parte.
-
Acceso ao Rexistro Xeral de Contratistas: expedición de certificados de inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas.
-
Acceso ao Portelo Único-Consulta de expedientes: información particular sobre o estado actual de calquera expediente administrativo tramitado a instancia de parte ante a Administración autonómica de Galicia, no que o solicitante sexa interesado nos termos establecidos na lei.
-
Acceso gratuíto e completo ao DOG e posibilidade de envío telemático de disposicións para a súa publicación dende a parte privada do portal.
- Servizo de correo electrónico: para todos os funcionarios da entidade local dados de alta como usuarios no portal que o soliciten.
-
Envío de documentación á Dirección Xeral de Administración Local: as entidades locais poden remitir e rexistrar no rexistro telemático da Xunta de Galicia as actas de acordos plenarios, actas de xuntas do goberno local, actas de comisións, publicacións de estatutos, autorizacións e orzamentos, cadro de persoal, fondo extraordinario, etc...
-
Plataforma de contratación de Galicia: servizo dende o que calquera entidade local poderá manter os datos do seu perfil como contratante e publicar e xestionar os seus procedementos de contratación.
-
Procedemento de solicitudes telemáticas: permite realizar o inicio de expedientes para procedementos administrativos, permitíndolle á entidade local presentar a súa solicitude pola internet e a posterior consulta do expediente xerado.
-
Bases de Datos de Xurisprudencia e Lexislación: acceso para as entidades locais dadas de alta no Eidolocal ao sistema integral de información xurídica en liña de " La Ley Digital" e de " Westlaw". que conten un amplísimo contido documental, actualizado en tempo real.
Entidades promotoras
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante a Dirección Xeral de Administración Local, A Presidencia da Xunta mediante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fegamp como representante de todas as corporacións locais de Galicia.
Participantes no Eidolocal
Considéranse participantes no portal todos aqueles que contribúen a dotar o portal de contido. Principalmente serán as entidades que son promotoras e as propias entidades locais, as que poderán incluír no portal as súas informacións nas seccións específicas.
Así mesmo, o portal conta con contidos que ofrecen outros departamentos da Xunta de Galicia, as deputacións galegas e as administracións estatal e europea, que serán ampliados na medida en que estes vaian actualizando os seus servizos web.
Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a