Heráldica
Que é?
Os símbolos das entidades locais son a primeira imaxe que un cidadán percibe delas, xa que os identifican e diferencian, entre moitas outras cousas, doutras entidades. A heráldica é un sistema emblemático que tivo unha presenza continuada e importante en todo o mundo occidental dende a súa aparición, hai xa máis de oito séculos. Nese sentido, a aplicación da heráldica adquiriu particular importancia e desenvolvemento como signo de identidade para perpetuar e divulgar as peculiaridades históricas e xeográficas das corporacións locais e doutras entidades públicas.
A determinación e definición dos símbolos non debe ser algo irreflexivo e que responda a cuestións de índole arbitraria ou caprichosa dun momento pasaxeiro, senón que debe derivar dun estudo pormenorizado e serio, destacando os feitos históricos, culturais e significativos do territorio ao que vai representar, permanecendo no tempo e singularizando a propia poboación que vive nel.
En consideración a estas razóns, a Xunta de Galicia estableceu un procedemento regrado, á disposición gratuíta de todas as entidades locais, encamiñado a lograr estes obxectivos e dar así unha simboloxía propia a cada un dos solicitantes.
Comisión Heráldica
A Comisión Heráldica créase polo Decreto 258/92, do 10 de setembro, como órgano consultivo da Xunta de Galicia adscrito a Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.
Normativa
Como funciona?
Ofrécese o procedemento para a aprobación e publicación dos símbolos dunha entidade local. Ademáis ofrécese a posibilidade de consultar os símbolos que xa estean aprobados mediante a busca por nome da entidade local. Neste caso, mostrarase para cada entidade local o símbolo que teña aprobado (sexa bandeira ou escudo) e mostrarase o propio símbolo acompañado polo seu decreto de aprobación.
Procedemento
-
As entidades locais que soliciten a adopción, modificación ou rehabilitación do seus escudos ou bandeiras e optasen polo procedemento da letra a) do artigo 16, achegarán coa súa solicitude a seguinte documentación:
a) Certificado da secretaria da entidade sobre o acordo do pleno, co quórum exixido, polo que se solicita a elaboración do símbolo correspondente.
b) Certificado da secretaria da entidade sobre o acordo do pleno de aprobación da proposta correspondente co quórum exixido.
c) Certificado do trámite de información pública e, se é o caso, a presentación ou non de alegacións e o acordo definitivo adoptado polo pleno da corporación.
As entidades locais que optasen pola elaboración da súa propia proposta remitirán xunto cos certificados sinalados nas letras b) e c) os seguintes documentos:
a) Memoria histórico-heráldica, ou vexilolóxica subscrita por unha persoa especialista na materia.
b) Dous exemplares orixinais do debuxo do escudo ou bandeira proposto no que se aprecien claramente as cores ou esmaltes empregados.
c) Aqueles documentos que se consideren oportunos para complementar a proposta.
-
En caso de informe favorable da comisión, o conselleiro de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza, elevará ao Consello da Xunta de Galicia a proposta de aprobación de expediente.
-
Deseguido procederase á publicación no DOG do correspondente decreto de adopción e aprobación do escudo ou bandeira.
-
En caso de informe non favorable, daráselle á entidade local un prazo de audiencia de dous meses, durante o cal poderá adoptar un novo acordo en pleno modificando a súa propia proposta para adecuala ás recomendacións da Comisión de Heráldica
Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a