Modelo de convenio marco de cooperación entre concellos, para a prestación conxunta de servizos
Que é?
O Consello da Xunta aprobou un modelo de convenio marco que facilitará a
colaboración entre os entes locais galegos e que permitirá que os concellos que o desexen poidan
levar a cabo a prestación conxunta de servizos sen necesidade de ter que crear novos organismos ou
entes administrativos.
O texto, que foi presentado no Consello polo conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza, é un
modelo de convenio aberto que os municipios poden subscribir para compartir a prestación de
servizos, reducindo burocracia e simplificando os trámites administrativos. Así, dáse
facilidades aos concellos que desexan colaborar para iniciar de inmediato a cooperación, sen ter
que crear novos entes como mancomunidades ou consorcios.
O convenio marco aprobado hoxe será enviado á Federación Galega de Municipios e Provincias
(Fegamp), para que todos os concellos galegos coñezan o texto e poidan concretar, dende agora e a
través deste acordo, os seus desexos de prestar servizos aos
cidadáns de forma conxunta.
O Goberno galego ten manifestado a súa firme aposta por fomentar a prestación conxunta de
servizos como fórmula para garantir unha maior eficacia e eficiencia na xestión, minimizar os
custos e garantir o mantemento da prestación dos servizos que
ata o de agora se viñan prestando de forma independente.
De feito,
a Xunta xa está a priorizar nas súas convocatorias de axudas aqueles concellos que aposten
pola xestión compartida de servizos. A partir de agora, todas as ordes de axudas e
subvencións do Goberno galego nas que se valore con máis puntuación a
prestación conxunta de servizos por parte dos concellos incluirán nun anexo o modelo de
convenio aprobado hoxe polo Consello.
Características da cooperación
O convenio baséase no principio xeral de colaboración interadministrativa, que está
recollido na normativa referida á Administración local, e busca posibilitar a prestación dos
servizos públicos na actual situación económica de xeito eficaz e eficiente, reducindo custos,
evitando duplicidades, facendo un mellor uso dos recursos dispoñibles e garantindo o acceso dos
veciños a uns servizos públicos de calidade.
Así, como mellor solución para seguir prestando determinadas competencias, os concellos que
asinan o convenio acordan a xestión compartida do servizo correspondente. O propio documento marco
aprobado hoxe recolle nun anexo algunhas das materias susceptibles de ser prestadas a través do
convenio, como son o abastecemento de auga, a recollida de lixo, a limpeza, o mantemento de vías
públicas, o transporte público ou o uso de determinadas instalacións, como é o caso das deportivas.
Comisión mixta
Ademais, o convenio xa establece que, para facilitar o seguimento, cumprimento e a
coordinación, se constituirá unha comisión mixta integrada por dous representantes de cada
concello, á que poderán asistir técnicos, e que terá entre as súas funcións elaborar
o orzamento anual do servizo compartido, fixar o catálogo de condicións para a súa prestación
e resolver as dúbidas que xurdan na súa posta en marcha, entre outras atribucións.
- MODELO
Como funciona?
Para facer o envío da modelo deberá estar dado de alta como usuario do Eidolocal (acceder a área privada do portal), dispoñer do permiso "Envíos DXAL" (permiso de acceso á opción da parte privada "Xunta de Galicia-Xestión, Envíos DXAL") e ter cargado no navegador o seu Certificado Dixital Clase 2 CA da Fábrica Nacional de Moneda y Timbre - Real Casa de la Moneda . Na opción de "Envíos DXAL" seleccionando o tipo de envio "Outros" e adxúntase o modelo cumprimentadoe asinado dixitalmente.
Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a